Thursday 25 de April de 2024

A alcaldesa presidiu a recepción aos sete menores saharauis que participan este ano no programa “Vacaciones en Paz”


A alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro, presidiu esta mañá, ás 11.00 horas, a recepción oficial aos menores saharauis que este ano participan no programa “Vacacións en Paz”. No acto estiveron tamén presentes os voceiros do PSOE, David Pita, e do PP, Germán Castrillón, así como a concelleira de Benestar Social, Catalina García e familias da cidade que acollerán durante este mes, e ata comezos de setembro, aos menores.

Un total de sete menores pasarán estes días na cidade, con seis familias, xa que unha acolleu a dous nenos. Todos eles pasarán o seu primeiro verán fóra dos campamentos de refuxiados saharauís de Tinduf, en Arxelia, e estes días estanse familiarizando co idioma. Así mesmo, realizan xa as pertinentes revisións médicas, como a visita ao oftalmólogo, aproveitando a súa estancia no municipio.
Ferreiro deu a benvida aos menores e agradeceu o traballo da Asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharaui, representada na comarca por Maite Martínez, e tamén subliñou a importancia “de contar con familias que se impliquen neste programa de Vacacións en Paz, porque sen todas e todos eles sería imposible levalo a cabo e ofrecer aos menores saharauis esta oportunidade de saír dos campamentos de refuxiados durante, neste caso, mes e medio”.

Pola súa banda, Maite Martínez tamén destacou a axuda do Concello de Narón e a colaboración das familias, ás que definiu como “a columna vertebral deste programa”.

Tralas intervencións os representantes da corporación local entregaron aos menores saharauis unhas mochilas e unhas golosinas. Dende o Concello entregaráselles tamén a cada un un cheque por importe de 60 euros para compra de material escolar na libraría local Din & Don.

Despois de realizar unha fotografía de recordo todos eles desfrutaron dun almorzo xuntos. Nos vindeiros días, tal e como avanzou García, visitarán as instalacións do Servizo de Prevención, Extinción de Incendios e Salvamento de Narón (Speis), realizarán un percorrido en vehículos 4×4 e realizarán algunhas visitas pola zona, como á Confraría de Barallobre e ao parque acuático de Cerceda, entre outras.